
Francisco Echevarría Iriarte - Xerente posto a dedo na cabeza da Axencia Galega de Emerxencias
A Xunta está molesta coas mobilizacións levadas a cabo polo persoal precarizado que traballamos no 112, encamiñadas a facernos escoitar entre quen ten nas súas mans a resolución rápida e doada a un conflito que xa non é laboral, senón, como vimos sostendo, social. Porén, no canto de acceder a recibirnos para falarmos de solucións, a Xunta de Galiza pronúnciase a través dun ridículo e triste comunicado aos medios de comunicación. Queremos, pois, analizalo e pór de relevo as barbaridades con que está construído.
[Preme en "Ler máis" para veres o resto da nova]
En xeral, poden tirarse do comunicado da Xunta varias ideas xerais. En primeiro lugar, que o conflito é simplemente laboral, "no marco do convenio colectivo que rexe este sector e que só atinxe aos traballadores -e as súas organizacións sindicais- e a empresa adxudicataria deste servizo". En segundo lugar, que a Xunta de Galiza ten potestade absoluta para decidir o modo de prestar os seus servizos, e que a súa decisión foi a privatización e a entrega a empresas dedicadas á prestación de tais servizos. E que, polo tanto, sendo a política da Xunta desvincularse de toda ligazón cos traballadores, non pode incidir nas regulamentacións salariais dos mesmos. Con todo, a propia administración recoñece que se teñen producido aumentos salariais (que eles cifran até nun 8% - cando, como eles indican, a suba media dos funcionarios se centrou nun 3%), unha redución do número de horas laborais e un aumento no número de traballadores até o tope marcado polo espazo físico disponíbel para o 112. E, en terceiro lugar, tírase do comunicado da Xunta que as mobilizacións levadas a cabo polos traballadores son, no fondo, unha orquestración da CIG, que se posiciona en contra da subcontratación de servizos públicos a empresas privadas.
Até aquí a comunicación da Xunta. Agora, digamos as verdades. En primeiro lugar, as chamadas que no CAE 112 vimos recibindo de cidadáns e medios de emerxencias que preguntan polo conflito e que nos transmiten o seu apoio deixan claro que non se trata dun conflito laboral. As máis de 4.000 sinaturas que temos recollido a pé de rúa tamén posicionan as reivindicacións na liña das exixencias cidadás: uns servizos públicos non precarios e plenamente operativos. En segundo lugar, cando a Xunta afirma que non ten nada a ver coas nosas condicións laborais está, simplemente a mentir. A Xunta marca os salarios nos pregos de condicións que deben cumprir as empresas que opten ao concurso. Por outra banda, no seu propio comunicado contradise ao vender a suba salarial do 8%. A propósito diso, a suba, que si se produciu, non ten nada a ver co 8%. Doutra parte, compárasenos cos funcionarios para dicir que se realizou unha suba moi por riba do 3% aprobado para eles. A comparación é ridícula: por suposto, preferiríamos que nos subisen o 3% do salario dun funcionario que o 8% do noso. A estratexia, como se ve, é vender fume, porque, ademais de que esa suba é irreal, non está consolidada, o que a efectos prácticos quere dicir que se nos está a adiantar diñeiro de 2009 nunha categoría absorvíbel polas subas que xa veñen marcadas polo IPC e polo convenio. Así que, rematado 2008, esa suposta suba fica nun absoluto nada. Aínda máis, o 112 leva máis de doce anos a traballar cunha categoría laboral inferior á que lle correspondería legalmente - a prioridade das administración sempre foi que o servizo resultase barato.
Doutra banda, ninguén lle está a pedir á Xunta que nos arranxe o tema dos horarios nen das gardas de 24h nen a propia suba salarial. A negociación sobre estes termos estase a levar coa empresa que, por certo, ten unha disposición moito máis aberta e dialogante do que a AXEGA e a Consellaría da Presidencia. Ademais, en ningún momento discutimos o vínculo xurídico que a administración poida ter connosco - simplemente pomos de relevancia que hai unha responsabilidade que non se está a asumir, o que non ten nada a ver con supostas pretensións nosas de entrarmos na administración "pola porta de trás". En ningún momento a subrogación que exiximos significa que vaiamos pasar a ser persoal da Xunta, como demostran os casos doutros traballadores subrogados (cafetaría da Xunta, mantemento do Hospital Clínico de Compostela ou o servizo de Galicia Dixital) que non fan parte da administración nen moito menos son funcionarios. A concesión da subrogación remataría cun conflito que dura xa máis de 2 anos, porque as outras exixencias (regulación das gardas de 24h e consolidación dos incrementos salariais) están xa negociadas coa empresa, que ten boa disposición e que somete esas melloras á aceptación da subrogación da parte da administración. Todo o contrario, pois, do que di a Xunta, que asegura que "a causa desta situación conflictiva foi a incapacidade da empresa para negociar". Coa empresa hai un principio de acordo - a única traba é o bloqueo que a administración ten imposto á solución deste conflito. É máis, a empresa tennos manifestado en varias ocasións aos traballadores e tamén á propia AXEGA e á Consellaría de Presidencia (mediante informe explícito) estar moi a favor dun plantel estábel e da subrogación como medio para conseguilo. Así pois, finalmente, as mobilizacións non teñen nada a ver con campaña ningunha da CIG contra a privatización dos servizos públicos - o que, por outra banda, tampouco é ningún descubrimento nen é unha exixencia só sindical, senón da asemblea de traballadores e dunha parte moi importante da sociedade que levou á Presidencia do país a un partido que se nega a recoñecer a situación.
En calquera caso, perante esta pobre demostración de irresponsabilidade, a asemblea de traballadores decidiu continuar, incrementar e endurecer as mobilizacións, coa identificación dos responsábeis directos mediante unha campaña de información á cidadanía. Trátase de que a poboación coñeza que por trás do bloqueo, da negativa de diálogo e dos intentos de dividiren os traballadores están Francisco Echeverría (posto a dedo na dirección da AXEGA), Xosé Luís Méndez Romeu e Emilio Pérez Touriño. E, evidentemente, se a situación de bloque se mantén, decidimos tamén participar na precampaña e na campaña eleitoral, facendo valer as posicións manifestas polos grupos parlamentares.
- Para leres o comunicado da Xunta publicado por Xornal Galicia preme aquí.