20.11.08

112 sinala os responsábeis do conflito

Modelo dos cartaces listos para seren editados 
no caso de non solucionarse en breve o conflito do 112

Levamos varios meses demandando que a adminstración responsábel polo 112 se sente co persoal a escoitar as demandas que exiximos: subrogación, consolidación salarial e regulación das gardas de 24 horas. A resposta sempre foi que non, primeiro coa Directora Xeral de Protección Civil Esther González Saavedra e despois co xerente da AXEGA Francisco Echevarría Iriarte. Por iso, a intención desta campaña é sinalarmos os responsábeis polo estancamento na resolución do conflito social que se está a xerar. As responsabilidades están ben claras, en todo caso. 

[Clica na imaxe para vérela en maior tamaño]
[Preme en "Ler máis" para continuares a ler esta nova] 


En primeiro lugar, é responsabilidade do xerente da AXEGA: un Francisco Echevarría que aparece moi sorrinte cando ven ao Centro de Atención ás Emerxencias, e que, por outra parte, aínda non se dignou a responder ás múltiplas solicitudes de reunión que lle ten feito o Comité de Empresa. Cada vez máis, parece claro que a súa intención é desempregar o seu cargo de xerente da axencia (por certo, posto a dedo) sen contar co plantel do 112, que, por certo, é mais do 90% de todo o persoal da mesma.

En segundo lugar, é responsábel Esther González Saavedra, Directora Xeral de Protección Civil. Coa escisión da AXEGA, di non ter responsabilidades co 112. É mentira por dous motivos: primeiro, porque a DXPC é responsábel de manter a privatización do servizo que no seu día aprobara o goberno do Partido Popular; e segundo, porque se negou sempre a recibir as representantes dos traballadores e cando o fixo incumpriu a totalidade dos acordos a que se chegou. 

En terceiro lugar, é responsábel José Luis Méndez Romeu, Conselleiro da Presidencia, porque por mais que a AXEGA xa non dependa da DXPC, segue a depender da referida consellaría. Como é costume deste señor, xamais respondeu ás solicitudes de reunión que se lle fixeron. Como moito, degrada as responsabilidades ao xerente, quen, pola súa vez, se nega a recibirnos. 

E en cuarto lugar, é responsábel Emilio Pérez Touriño, porque, como o conselleiro, mantén unha posición contraria á subrogación do persoal dos servizos que a Xunta xestiona como chiringuitos de praia. Con vontade, podería arranxar a recuperación destes servizos públicos por parte da Xunta de Galiza, especialmente dos servizos públicos básicos. 

Estes catro personaxes son os que mantiveron e manteñen a situación bloqueada nun servizo público básico, e a súa única xustificación é unha mentira impresentábel: sosteñen que a nosa intención é entrar na administración pola porta de trás. Se se dignasen a ler as solicitudes que lles temos enviado verían que as exixencias están moi claras e que se reducen a tres puntos innegociábeis: 1) ningún despedimento aproveitando o convenio da precariedade, 2) ningún traballador sen un salario digno e consolidado e 3) fin das gardas de 24 horas non reguladas para suplir a falla dun persoal que a propia administración se nega a estabilizar. Non parece que sexa tan complicado.
 

Por un traballo digno no 112, nova campaña de identificación dos responsábeis
112 Solución