20.11.08

112 exixe solucións a Touriño e Romeu na inauguración da Semana Verde

Faixa do 112 despregada durante o discurso do Presidente da Xunta

Un grupo de traballadoras e traballadores do Centro de Atención de Emerxencias 112, despregamos unha faixa co lema “112 Solución” no marco da inauguración da Semana Verde de Silleda, no momento en que Emilio Pérez Touriño realizaba o seu discurso. A pancarta estivo á vista do Presidente da Xunta durante toda a súa intervención, ao remate da cal a Presidenta do Comité de Empresa lle fixo entrega dunha carta na que se lle reclamaba implicación na solución ao conflito laboral que dura xa case dous anos. Xa á saída, e a pesar de que en ningún momento se interrompera o acto, o servizo de escolta do Presidente identificou ao “perigoso” grupo de sindicalistas.

[Preme en "Ler máis" para leres o resto da nova]


Momento en que Isa Moares e Puri Torres fan entrega da carta a Touriño

As traballadoras e os traballadores responsabilizamos a Touriño da falla de diálogo e dos intentos continuos de enganar e dividir o cadro de persoal do 112. Nun dos parágrafos da carta que se lle entregou ao Presidente explicabámolo así: “Aínda non sendo responsabilidade súa a orixe desta situación, senón do goberno anterior, si o é mantela as estas condicións e perpetuar unha situación anacrónica co traballo que desenvolvemos. A solución é moi doada e pasa polo recoñecimento ao dereito de subrogación do persoal, pola dignificación salarial acorde á responsabilidade que supón o noso traballo consolidando as cantidades que cobramos e a regulación e control das gardas con disponibilidade. Pouca cousa para rematar cun conflito que leva xa case dous anos aberto e no que xa sufrimos abondo a falla de compromiso e nula capacidade de diálogo dos responsábeis políticos do CAE 112.” A intervención neste acto, no que tamén estaba presente outro dos responsábeis, o conselleiro da Presidencia Xosé Luis Méndez Romeu, foi recollida por varios medios de comunicación, tanto nas edicións impresas (Galicia Hoxe, Faro de Vigo, La Región e La Voz de Galicia) como nas edicións dixitais de El Correo Gallego, Galicia Hoxe.

A Presidenta do Comité de Empresa, Isa Moares, anunciou novas accións de protesta cunha concentración diante do parlamento e a presenza nos próximos actos que realice Touriño. Ademais avisa de que non dubidarán “en entrar activamente na campaña eleitoral” e, de feito, preparan unha campaña da sección sindical de denuncia dos responsábeis directos do estancamento das negociacións.