14.11.08

112 reúnese con representantes parlamentares da cidadanía. Respostas e actitudes.


Nestas últimas semanas levamos a cabo outro dos puntos que acordáramos na Asemblea Xeral de Persoal: explorar as intencións que os grupos políticos maioritarios teñen a respeito do conflito social do 112. Hoxe, un mes despois de termos solicitado por escrito no rexistro do Parlamento a petición formal de reunión con PSOE, BNG e PP, xa podemos dar conta conxunta do que nos dixeron e, tamén, do que non nos dixeron. 

[Ler máis para ver as respostas dos partidos políticos]




Reunión co PP no Parlamento de Galiza - de esquerda a dereita: M. Ruiz Rivas, A. Rodríguez Miranda, I. Moares Rei, O. Valladares Ocampo, P. Torres Tato e M. Domínguez Mosconi

A primeira reunión produciuse o 23 de outubro, entre os representantes dos traballadores e dous membros do grupo parlamentar do PPdG: Manuel Ruiz Rivas e Antonio Rodriguez Miranda. En primeiro lugar, explicámoslles as nosas posicións e as deficiencias dun servizo que pouco ten a ver co que a Directora Xeral de Protección Civil vendera no seu momento. A tecnoloxía é precaria, os salarios son precarios e non consolidados, os horarios son excesivos, hai un desinterese total pola incidencia do estrés no persoal, e carecemos dunha seguridade laboral mínima. Os membros do PPdG interesáronse tamén polo grao de responsabilidade que ten niso a Lei de Emerxencias de Galiza, aprobada recentemente polo Parlamento: nós deixamos claro que a situación que viven os traballadores e as traballadoras non ten relación coa tal lei. Antes ben, é un conflito social que, á marxe da lei, deixa a cidadanía galega a depender dun servizo altamente precarizado. Perante isto, o PPdG indicou a súa intención de realizar unha pregunta parlamentar en próximas datas, co fin de obrigar a Directora Xeral ou o Xerente da AXEGA a compareceren e, dese modo, responderen as preguntas que se negan a escoitar da boca dos traballadores. 

Reunión co BNG. De esquerda a dereita: P. Torres Tato, I. Moares Rei, M. Domínguez Mosconi e F. Blanco Parga.

A reunión con Fernando Blanco Parga, do BNG, desenvolveuse en termos parecidos: como co PP, desmentimos que a nosa intención neste momento sexa entrar na administración "pola porta de atrás", como indicou no seu día algún medio. Fernando Blanco xa realizara varias preguntas sobre a nosa situación nunha Comisión parlamentar, que foran respondidas por Esther González Saavedra poñendo data de caducidade á precarización do 112. Para ela, as condicións laborais dos traballadores serían moi melloradas coa nova plica de condicións baixo a que nos atopamos a día de hoxe. Varios meses despois, tanto para nós como para Fernando Blanco queda claro que se trataba de declaracións para saír do paso, polo que o BNG promoverá mais preguntas en Comisión para que sexan respondidas pola señora Saavedra e polo Xerente Francisco Echeverría a respeito da subrogación, do convenio da precaridade e das súas negativas a recibiren o comité de empresa. 


Reunión co PSOE. De esquerda a dereita: P. Torres Tato, I. Moares Rei, B. Sestayo Doce e M. Domínguez Mosconi

A última reunión tivo lugar o mércores 12 de novembro, con Beatriz Sestayo Doce, representante do PSOE. Tras aclararmos en repetidas ocasións que a nosa intención con estas mobilizacións non é o funcionariado e tras termos indicado que tanto o Conselleiro da Presidencia, José Luis Méndez Romeu como a Directora Xeral e o Xerente se negaron repetidas veces a recibírennos - para a súa sorpresa -, informounos de que solicitaría que Esther González nos recibise. A posición da representante do PSOE, sen embargo, deixounos perplexos en varios momentos: ademais de manter constantemente que a nosa intención era entrar "pola porta de atrás" na administración, sostivo tamén que a administración non inclúe subrogacións nas súas subcontratas. Ambos feitos son mentira: primeiro, o que nós queremos, como sempre manifestamos, é a subrogación, a consolidación salarial e a regulación das gardas de 24 horas; e segundo, a administración concedeu a subrogación aos colectivos de traballadores que lles plantaron cara: hoxe son persoal subrogado o da cafetaría da Xunta ou as compañeiras de Galicia Dixital, despois de que un Tribunal de Arbitraxe (AGA) lles dese a razón. Outra cousa é que, aínda que nalgúns casos hai colectivos que se mobilizan fronte ás agresións dunha administración vendida á lóxica da empresa privada, en moitas ocasións se abusa de persoal desmobilizado. De feito, a Consellaría da Presidencia, a cargo de Méndez Romeu, aumentou considerabelmente as privatizacións e os chiringuitos desde que comezara esta lexislatura. O que o PSOE quere son "funcionarios" deses que saen baratos? Só así se explica a falla de vontade política para resolver un conflito que, unha vez mais: non é laboral, é social. 

Por un traballo digno e con dereitos xa!
Subrogación, consolidación salarial e regulación das gardas de 24 horas