23.10.08

Responsábeis polo 112 manteñen negativa a reunírense co persoal do servizo


O persoal do 112 temos xa solicitado diversas reunións de traballo cos cargos públicos que, como indica a Lei 5/2007, de 7 de maio, de Emerxencias de Galiza (art. 18), son reponsábeis pola xestión do Centro de Atención ás Emerxencias 112, isto é, reponsábeis polo conflito que se ten posto sobre a mesa e que, devagar, comeza a sobrepasar o terreno puramente laboral. Non nos cansamos de repetilo: a xestión das emerxencias é extremadamente deficiente, e a xestión dos recursos humanos do CAE 112 é, no mínimo, todo o contrario do que se cualificaría como boa. Diante desta obvia irresponsabilidade, porén, nen o conselleiro da Presidencia X. L. Méndez Romeu, nen a Directora Xeral da Protección Civil Esther González Saavedra, nen o seu subdirector, Iñaki Bergareche Urdampilleta, nen aínda o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Francisco Javier Echeverría Iriarte mostraron calquera intención de recibir os representantes dos traballadores para solucionarmos conxuntamente o conflito. A súa solución é dicir que se trata dun simple conflito empresa-traballadores, e tentar desacreditarnos suxerindo que as nosas reclamacións son simplemente económicas. Por suposto.

[Ler máis]



O caso é que, como non nos fartamos de repetir, se na seguinte concesión non se ten asegurada a subrogación completa do persoal, a empresa pode eventualmente despedir a totalidade do plantel. Obviamente, isto constitúe un ataque aos dereitos das traballadoras e dos traballadores, pero tamén é un ataque á calidade dun servizo que depende altamente do grao de experiencia dos seus xestores. Por outras palabras: pode o 112 prescindir da experiencia de persoal con máis de 15 anos de experiencia e, se for o caso, comezar de cero con persoal sen formación e non especificamente cualificado? Sería capaz de atender máis de cinco mil chamadas diarias se a cada unha delas ten que pararse para comprobar nos protocolos unhas actuacións que os xestores actuais coñecen de memoria e poñen en marcha en tempo real? E, aínda máis: pode a Xunta de Galiza responder por ese servizo cando se colapse nun día de traballo "normal"? Fora xa de que os máis de 70 traballadores nos vexamos no paro, se isto acontecese, alguén tería que dar moitas explicacións. E moi ingratas.