18.10.08

IV Marcha do 112 por un traballo digno

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

IV Marcha do 112 no Telexornal Mediodía da TVG

Na mañá de xoves 16 de outubro, un grupo de arredor de 50 compañeiros e compañeiras do 112 concentrámonos diante do Parlamento de Galiza para dar inicio á IV Marcha do 112: o percorrido foi o habitual e o obxectivo, de novo, era popularizarmos a situación de precariedade do servizo e, nomeadamente, facermos ver á cidadanía a irresponsabilidade da Dirección Xeral de Protección Civil e da Axencia Galega de Emerxencias, que teiman constantemente en facer pasar o conflito por unha simples cuestión laboral. Todos sabemos que non o é.


[Ler máis]

E tamén os saben diversos medios de comunicación e axencias de noticias, que día a día se interesan polo noso traballo reivindicativo. Así o fixeron, desta vez, as axencias AGN e EFE, así como os xornais electrónicos El Correo Gallego, Galiciae, Avantar, Diario de Arousa, e o Telexornal Mediodia da TVG.

Por iso, porque non é un conflito só laboral, e porque estamos fartos das negativas da xerencia da AXEGA e dos altos cargos da DXPC, desta vez optamos por presentar peticións formais de reunión cos tres grupos políticos con representación parlamentar: a medida enmárcase no prazo das vindeiras eleccións autonómicas, para coñecermos as intencións das diferentes forzas políticas a respeito da xestión de emerxencias do país. O tema, que non só interesa ao 112, está nestes días de actualidade polas derivacións que está a ter a futurível organización dos GRUMIR, dos Bombeiros Comarcais e doutros corpos de actuación. 

As nosas reivindicacións encádranse, por iso, na exixencia duns servizos de emerxencia profesionais para o país, o que, para o 112 significa que é necesario desprecarizar o traballo, consolidar unhas mínimas condicións laborais e, para alén diso, como mínimo, manter o 100% do plantel, evitando así as reducións de persoal que a empresa MkPlan 21 ten posto acima da mesa sen previamente comunicalo ao Comité de empresa e nun momento en que, resulta evidente, que todos os reforzos posíbeis son fundamentais. Doutra parte, sabemos ben que os contratos lixo e a posibilidade sempre presente dun despedimento son a contrapartida da lóxica empresarial do máximo beneficio, cando a calidade do servizo e o compromiso coa poboación pasan a ser un tema tristemente secundario.