
Persoal do 112 na base de Bombeiros de Ordes,
con membros do GRUMIR tamén presentes
Hoxe, 30 de outubro un grupo de compañeiros e compañeiras do 112 trasladámonos até as bases de GRUMIR e Bombeiros de Ordes. O obxectivo, como nas outras visitas, era informarmos sobre as eivas que presenta do servizo de atención de emerxencias en que traballamos e tamén interesármonos polas condicións en que se atopan os medios en cuestión, especialmente no caso dos bombeiros, cuxo servizo se acha tamén privatizado e xestionado, neste caso, pola empresa Veicar S.L, xunto con outros oito parques das provincias da Coruña e de Ourense.
[Ler máis]
Na reunión que mantivemos conviñemos en que os servizos de emerxencias debían ser de xestión pública, e non, polo tanto, coas regras que impón a dirección privada que, entre outras cousas, pode facer con que se prescinda de persoal do 112 nun determinado momento, non porque sexa innecesario, senón porque non é rendíbel para unha empresa dada. Non é o caso dos bombeiros, que conseguiron a través da súa sonada loita un convenio propio que inclúe, entre outras cousas, a subrogación que nós tamén esiximos.

Parque de Bombeiros de Ordes
xestionado por Veicar S.L.
En todo caso, o groso da reunión centrouse na percepción que tanto os medios externos como os propios traballadores do 112 temos do noso servizo de coordinación das emerxencias. Quedou á vista que hai problemas nos protocolos, que nalgúns casos son pouco operativos, e desde logo, pola nosa parte, deixamos claro que existían ordes que contraviñan os ditos protocolos e esixencias da parte da empresa que os facían inoperativos diante dunha situación de colapso da central, así como que, en moitas ocasións, a empresa obvia as esixencias das condicións da contrata, presumibelmente coa aquiescencia da AXEGA e, en último termo, da D.X. de Protección Civil. Espuxemos tamén as nosas reclamacións a respecto do organización das gardas retribuídas e da consolidación do salario, deixando claro que a decisión última está nas mans da Xunta de Galiza, o que foi comprendido perfectamente, ao contrario do que acontece co Xerente da AXEGA e outros cargos, que se negan a recibirnos. Isto non só evidencia o abismo existente entre os que organizan e mandan nas emerxencias do país e os que día a día nos encargamos da súa resolución, senón que, ademais, pon de relevo a incompetencia e absoluta falta de responsabilidade da administración galega á hora de xestionar os servizos públicos de emerxencia.
Como nos quedou perfectamente claro nas visitas que levamos realizadas, e como presumibelmente nos corroborarán os medios que proximamente visitaremos, o problema non é só do 112, senón de concepción xeral. E a unión entre os diversos equipos de emerxencias estáse comezando a estreitar.