Persoal do 112 no parque comarcal de Bombeiros de Santa Comba
Novamente, o persoal do 112 desprazámonos para dar conta do que realmente acontece no Centro de Atención ás Emerxencias. Desta vez foi a Santa Comba, onde nos entrevistamos co persoal dos bombeiros comarcais do Xallas, que escoitaron os nosos problemas do día a día, dos que, por suposto, non sabían nada. Xa coñecían a nosa reivindicación da subrogación do 100% do plantel e a nosa teima en defender o 112 como un servizo público, pero descoñecían a existencia de gardas de disponibilidade de 24 horas, a desregulación dos turnos de traballo e o modo en que somos precarizados por atopármonos nun convenio aplicábel a empresas basicamente comerciais.
[Ler máis]
Tamén eles nos trasladaron as súas preocupacións. Os servizos comarcais de bombeiros dependen de empresas privadas que administran até o material das prácticas que realizan día a día. É por iso que o colectivo de bombeiros está tamén loitando pola súa subrogación e, o mesmo que nós, polo recoñecemento de que a xestión e a resolución de emerxencias debe ser un servizo público, e non unha actividade deitada para o mercado empresarial, onde as sucesivas contratas da Xunta de Galiza favorecen á empresa que sae máis barata. E todos sabemos o que significa que un servizo resulte barato: precarización dos traballadores e ineficacia do traballo. Nunha palabra: especulación. Neste caso, coa vida das persoas.