26.9.08

Persoal do 112 á marxe do deslocamento do Centro de Atención às Emerxencias


Na edición de onte, la Voz de Galicia volve asegurar que a localización do novo Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia estará no concello de Oroso. Segundo este xornal, o deslocamento efectuarase a medio prazo, unha vez que sexan superados os diversos trámites administrativos obrigatorios: en primeiro lugar, que a Consellaría da Presidencia estea en posesión dos terreos necesarios no polígono industrial de San Martiño II grazas á cesión dun espazo de 110.598 metros cadrados.

[Ler máis]


A nova, porén, non nos resulta tal ao persoal do 112. Desde hai varios anos (mesmo a través deste xornal) fomos coñecendo posíbeis localizacións para o edificio onde son centralizadas e coordinadas todas as emerxencias do país. Falouse da Estrada, de diversas zonas compostelás e agora, nos útimos meses, de Sigüeiro (Oroso). Á marxe de todas estas especulacións, o certo é que a Xunta de Galiza percibiu xa hai anos os fondos europeos destinados á construción dun edificio que, segundo a lexislación comunitaria, debe ser de máxima seguridade. Non obstante, a sala de xestión e as outras dependencias do 112 están aínda hoxe localizadas nun edificio de usos múltiples no complexo da CRTVG, no que nen tan sequera é posíbel cumprir a lei de protección de datos, pois están expostas a calquera indiscreción do persoal alleo que circula polas inmediacións e a casos esperpénticos que temos sufrido os xestores que alí traballamos.

Doutra parte, resulta evidente que a Consellaría quere que os traballadores e as traballadoras do 112 permanezamos fora do proceso de elección do novo centro, cando, con efecto, somos os primeiros e máis directos afectados por un traslado que, de confirmarse o polígono de San Martiño II como localización, faría con que a maior parte de nós tivese que cubrir entre 40 e 60 quilómetros mais por día para irmos ao novo centro de trabalho. Entendemos que pouca capacidade de manobra temos neste aspecto. O que non entendemos é que en ningún momento se nos teña comunicado formalmente a perspectiva dun traslado "a medio prazo".