9.9.08

Persoal do 112 marcha por Compostela

Declaracións de Isa Moares á Axencia Galega de Noticias
Compostela, 09.09.2008


De novo o persoal do 112 saímos ás rúas compostelás para marcharmos desde o Parlamento até a Xunta de Galiza. A misión era dobre: por unha banda, difundirmos e personalizarmos un conflito que non é apenas laboral, senón propiamente social, e, por outra, facermos entrega das 4163 sinaturas recollidas nas mesas informativas que nestes meses nos levaron por Viveiro, Ferrol, A Coruña, Lugo, Compostela, Ribeira, Pontevedra, Ourense ou Vigo.

[Ler máis]


Isabel Moares e Marcos Domínguez no Rexistro Xeral da Xunta de Galiza, 
entregando máis de 4000 sinaturas e unha solicitude 
de reunión co Conselleiro da Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu. 

Xunto coas sinaturas, entregamos tamén unha solicitude de reunión coa administración, á maior brevidade posíbel, xa que consideramos fundamental a negociación cos responsábeis polo que é un servizo público. E isto é especialmente importante hoxe, cando soubemos que o laudo do AGA (Tribunal de Arbitraxe) dá a razón ás compañeiras de Galicia Dixital no tema da subrogación (unha das nosas demandas básicas). Con todo, a administración segue a manter unha posición neglixente, que xa vimos denunciando claramente desde hai uns meses; así que, diante diso, apenas podemos "andar a berrar as nosas reclamacións diante do Parlamento galego ou diante da Xunta". Levamos tempo pedindo reunións efectivas, porque non se trata de chegarmos até os responsábeis para que nos digan que o senten e que nada se pode facer. O persoal do 112 entendemos hoxe, como sempre, que é só unha cuestión de vontade política. Así que xa non vale preguntarse "por que non falarmos?", senón "por que non falarmos en serio?" 

Declaracións de Isa Moares á Cadena Ser
Compostela, 09.09.2008

Televisión de Galicia, Radio Galega, Punto Radio, Televisión Española, Localia, Onda Cero, El Correo Gallego, A Nosa Terra Diario, Avantar, e diversas axencias de noticias preguntaron hoxe até cando vai durar esta situación de enfrontamento. A resposta é sinxela: a solución pasa exclusivamente pola subrogación do 100%, unha suba salarial consolidábel e digna, a regulamentación lóxica das gardas retribuídas e, de fondo, o recoñecemento de que o 112 é un servizo básico e, xa que logo, debe ser de responsabilidade pública.

**Grazas aos equipos de Cadena Ser e Axencia Galega de Noticias por nos remitiren amabelmente o material que gravaron durante a marcha