Finalmente e tal e como adiantamos hai unhas semanas, as compañeiras de Galicia Dixital conseguiron que se recoñecese o seu dereito á subrogación de todo o plantel, cada vez que cambie a empresa concesionaria do seu servizo. Todas as partes (traballadoras, empresa e administración) acordaran someterse a unha arbitraxe AGA do Consello Galego de Relacións Laborais que se celebrou o venres pasado e que hoxe saiu publicada dándolle a razón ás traballadoras. Este AGA pon a fin definitiva a un conflito que provocou a mobilización das traballadoras na defensa dos seus postos de traballo.
[Ler mais]
Galicia Dixital, exposición permanente da Xunta de Galicia, subcontrata o servizo a empresas privadas con contratos por obra nas mesmas condicións que se fai co 112. Polo tanto, desde a nosa óptica, hai dúas lecturas a sacar deste asunto:
1. En primeiro termo, que a privatización de servizos públicos o único que trae consigo para os traballadores e traballadoras é maior precariedade e desprotección tal e como se demostrou en todo este conflicto, no noso caso e outros similares.
2. En segundo lugar, demóstrase que é loitando e pelexando polos nosos dereitos como os traballadores e traballadoras conseguimos melloras laborais e unhas condicións de traballo dignas.
Esta subrogación non cae do ceo senón que foi froito de duras semanas de mobilizacións das compañeiras de Galicia Dixital logo dos despidos que se produciron nesa empresa. De non ter defendido os seus postos de traballo todo pasaría sen pena nen gloria. Elas estarían na súa casa sen traballo e por suposto que ninguén, nun despacho oficial, se ía lembrar da subrogación.
Ese é o exemplo que temos que sacar deste conflicto e aplicalo ao noso caso. Se até agora conseguimos a categoría de xestor/a, a rebaixa no calendario anual, a suba salarial -aínda que sexa insuficiente e non compartamos que sexa absorvible-, un aumento no plantel,... non foi por casualidade nen por vontade de MK Plan 21 ou a AXEGA. É o noso esforzo e presión a que conseguiu o que temos agora e será tamén a que consiga finalmente solucionar as cousas que quedan pendentes, e entre elas está tamén o dereito de subrogación para todo o cadro de persoal.