30.8.08

Cidadanía interesada, administración neglixente


Os medios de comunicación seguen a prestar atención ao duplo conflito que o persoal do 112 vimos mantendo desde hai varios meses, por unha banda, coa administración autonómica e, por outra, coa empresa concesionaria deste servizo público. Demóstrase, pois, que a cidadanía segue interesada no que acontece cos servizos de emerxencias da comunidade, o que fai con que sexan os medios e edicións locais os que constantemente están a comunicarse con nós para coñecer a marcha das negociacións. A pregunta máis repetida é: "cales son as exixencias dos traballadores e das traballadoras do 112?".

[Ler máis]


A resposta é a de sempre, porque é a única con sentido: unha xestión razoada dos medios humanos disponíbeis (subrogación, quendas de traballo, gardas de 24 horas, etc), e unha remuneración económica consonte ao valor real do traballo que realizamos cada día: sermos o primeiro equipo de resposta perante unha emerxencia e, polo tanto, o primeiro responsábel.

Pero a intención da campaña de información non é simplemente conseguir que xornais e televisións transmitan o que, en rigor, é un conflito laboral. Por riba diso, pretendemos que a poboación coñeza a situación de precariedade que se deriva dunha xestión privatizada e cuxa lóxica é a da máxima gañancia. Nin aos traballadores nin á cidadanía lles interesa que MkPlan 21 gañe grandes cantidades, nin moito menos que a Xunta de Galiza escatime gastos nunha prestación tan sensíbel. O que todos queremos é unha xestión eficaz. E, para iso, non cabe mirar para outro lado.