Temos informado varias veces da loita que as compañeiras da exposición permanente da Xunta, "Galicia Dixital", mantiñan pola defensa dos seus postos de traballo e faciámolo polos paralelismos que tiña co noso caso e o doutros servizos privatizados. Nesta ocasión queremos facelo novamente coa ledicia de comprobar o seu éxito e que novamente están nos seus postos de traballo grazas á coraxosa mobilización destes dous meses.
[Ler máis]
O caso destas 11 traballadoras foi que, tras estar traballando para Galicia Dixital, con diferentes empresas, desde o ano 2000, atopan que coa nova contrata despiden a todo o cadro de persoal incumprindo o que fora unha norma até ese momento. A partires dese instante inician unha loita contra tan grande inxustiza perante a indiferencia da empresa e da administración. Os argumentos da administración curiosamente eran os mesmos que nos dan a nós para negárennos o dereito á subrogación: "é un problema entre a empresa e os seus traballadores", "nos contratamos un servizo e non somos responsábeis máis que de controlar a prestación dese servizo nas condicións pactadas", "hai un convenio e nós non podemos impoñr nada á empresa",... Argumentos cargados de hipocrisía que permiten a explotación laboral en postos de traballo dependentes da Xunta.
Foron dous meses nos que se mobilizaron todos os días e nos que, grazas a esa presión, e a conseguiren manterse unidas en defensa do seu posto de traballo, finalmente o conseguiron. Pasaron momentos moi duros nos que parecía que nada se ía conseguir. Dous meses moi duros pero que finalmente deron os seus froitos.
É por iso que queremos chamar a atención sobre o papel decisivo da presión e a mobilización para conseguirmos as melloras laborais. Foi así como se conseguiron todos os avances para a clase traballadora no seu momento e é así como se foron perdendo tamén pola falla de unión e a desmobilización e o pactismo dos sindicatos estatais.
As traballadoras de Galicia Dixital xa están novamente nos seus postos de traballo cun contrato igual aos que asinaran noutras ocasións, cando cambiaba a empresa, e similar aos que asinamos nós cada vez que hai unha nova concesión. Ademais, a empresa, as traballadoras e a adiministración comprometéronse a un AGA (Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais para a Solución de Conflitos Colectivos de Traballo, dependente do Consello Galego de Relacións Laborais) que determinará, nunha arbitraxe, se hai ou non dereito á subrogación para este servizo. Estaremos atentos ao resultado desta arbitraxe pola conta que nos trae e desde a Sección Sindical da CIG no 112 a nosa noraboa pola vitoria e polo exemplo que é para todos e todas nós.
Podes ampliar a información sobre o a solución deste conflito lendo a entrevista ás traballadoras.