O pasado mércores 13 quedou definitivamente constituído o novo Comité de Empresa do 112 de Galiza. Remata con isto, definitivamente, o proceso electoral e centrámonos de novo no traballo reivindicativo e mobilizador. Nesta primeira xuntanza do Comité de Empresa escolléronse os cargos e definíuse o seu funcionamento.
[Ler máis]
Desta maneira escolléronse as diferentes responsabilidades quedando do seguinte xeito:
- Isa Moares. Presidenta do Comité de Empresa (que será a partir de agora a voceira a todos os efectos dos e das traballadoras diante da empresa e organismos oficiais).
- Óscar Valladares. Secretario do Comité de Empresa.
- Delegados de Prevención de Riscos: Puri Torres e Marcos Domínguez (que substitúe a Silvia Antelo, que dimite por falla de disponibilidade neste momento).
Tamén se aprobou o regulamento que fixa o seu funcionamento interno. A partir de agora é o pleno do Comité de Empresa quen fixa a posición oficial da representación dos traballadores e traballadoras, non podendo ningún dos seus membros atribuirse representatividade ou negociar cuestións colectivas coa empresa ou con organismos oficiais, quedando invalidados os acordos aos que se puidera chegar.
En canto ao modo de traballo, de aquí en diante e co Comité constituído, a sección sindical da CIG levou a proposta á asemblea de traballadores, celebrada ese mesmo día, de que se continuara fixando as posicións a defender nas propias asembleas. Desta maneira antes de cada reunión coa empresa, coa adiministración ou cando haxa que tomar calquera decisión que nos afecte a todos e a todas, reunirase a asemblea tal e como se viña facendo até o de agora. É aí onde se teñen que tomar as decisións, comprometéndonos a que sexan estas as posicións que logo defenderá o Comité de Empresa.
Precisamente nesa asemblea celebrada con posterioridade á constitución do Comité de Empresa, e ademais de explicar o funcionamento deste, acordouse solicitar unha reunión urxente coa empresa para tratar temas que están pendentes de xuntanzas anteriores tais como a regulamentación dos buscas ou o xeito de aplicación dos calendarios anuais e os novos calendarios de vacacións entre outros.
Entre os temas a tratar coa empresa está pendente tamén a constitución do Comité de Seguridade e Saúde no que pretendemos entre outras cousas falar da temperatura ou do mobiliario para o persoal.
Finalmente falamos de continuarmos as mobilizacións no mes de agosto con mesas de recollida de sinaturas e de realizarmos unha nova asemblea a principios de setembro a fin de organizarmos o traballo a partir de aí. Será nese momento cando haberá que ser máis contundentes e presionar máis á administración. Neste sentido, coñecíamos precisamente onte a posibilidade de adianto das eleccións autonómicas para o outono, polo que temos que concienciarnos de que a partir do mes que ven comeza a loita de verdade.