Finalmente celebráronse as eleccións sindicais no CAE 112 Galicia. Tras meses de “campaña” de CCOO a candidatura da CIG obtivo o triple de votos e quedamos a un só de obter toda a representación. Iso é o que din os números en frío, pero os resultados aportan moitas máis lecturas que cremos importante analisar detidamente. Vaiamos por partes.
[Ler máis]
Non era o momento.
O mellor destas eleccións é que por fin pasaron e agora podemos centrarnos outra vez nas mobilizacións. Tal e como temos manifestado en moitas ocasións estas eleccións non se tiñan que ter celebrado. Cando menos non agora, no medio dun conflito coa administración e cando temos cousas máis importantes que facer, como é conseguir as melloras polas que levamos tanto traballado.
Por activa e pasiva fixémoslle saber a quen as promoveu que era un erro. Que xogábamos con lume e era a hora da unidade, entre nós e cara a fóra. Ofrecéuselles a posibilidade de participar nas negociacións en igualdade de condicións, mesmo con asesores, e facer as eleccións logo de solucionado o conflito. Cremos que os resultados son unha resposta contundente a estas actitudes.
Exemplo de unidade.
Ademais, o que demostra este resultado nas votacións é que a plantilla está máis unida do que podía parecer á luz das candidaturas presentadas -13 candidatos/as da CIG e 11 de CCOO- e de como se desenvolveu todo o proceso, moi suxo e oscurantista ao noso entender. Os 41 votos para a candidatura da CIG e 14 para a de CCOO amosan que a división que se pretendeu introducir é irreal e forzada.
Temos claro que este non é un resultado só de tal ou cal persoa, nen da CIG como sindicato. Como dixemos no noso díptico de campaña, a nosa era a candidatura da unidade e esa é a verdadeira gañadora deste proceso eleitoral.
A importancia de decidir colectivamente.
Na nosa opinión, cremos que tamén se avala claramente unha liña sindical unitaria e asemblearia. As decisións téñense que tomar en asemblea e non por detrás. É na asemblea onde se ten que decidir o que se vai facer, o que imos defender nas reunións coa empresa ou coa administración, e é a asemblea quen ten que decidir se é ou non satisfactoria unha proposta e polo tanto asinala ou non. Está claro que as actitudes de tentar ir por libre, sen consultar ao resto de compañeiras e de compañeiros sairon claramente penalizadas destas eleccións.
Temos claro o que queremos.
Parecía que todos estábamos equivocados, ou que alguen nos “equivocaba” e que a liña de presión e mobilización actual non era bo camiño para conseguir os nosos obxectivos. Semellaba que había quen tiña a bariña máxica e que a solución aos nosos problemas era cuestión de facer unhas chamadas ou que viría dun convenio estatal (curiosamente isto é o que pensan tamén a empresa e a administración). Como se non coñecésemos xa o ben que se negociaron até o de agora os convenios de Telemarqueting/Contact Center todos estes anos...
Clara mensaxe para a empresa e a administración.
Este resultado tamén ten unha última lectura. Agora a empresa, a AXEGA e a Consellaría xa saben que aquí hai un cadro de persoal unido e que imos loitar polas melloras laborais e salariais que consideramos xustas. É unha clara mensaxe para todos eles.
Nos vindeiros meses e unha vez iniciada a precampaña e a campaña das eleccións autonómicas imos saír á rúa con todas as consecuencias. Agora non imos parar até que se atendan as nosas demandas. É necesaria unha solución real e non parches, como a proposta que nos trasladou a empresa, que non solucionan o problema de fondo. Na súa man está, o que pedimos non é nada que non sexa asumíbel se existe vontade política.
Agora é o momento de seguirmos o traballo.
As eleccións pasaron e agora agardamos que non se escolla de novo o camiño do individualismo e dunha vez se asuma que isto é un traballo de todas e todos unidos por un mesmo obxectivo, que é dignificarmos as nosas condicións de traballo e conseguirmos unha suba salarial significativa e para todo o persoal. Pola nosa parte estamos dispostos a que sexa así e a que ninguén se sinta desprazado.
Agora contamos cun Comité de Empresa formado por 4 delegados/as da CIG e 1 de CCOO. No menor prazo posíbel constituiremos este comité e seguiremos onde o deixamos.
Finalmente, queremos dar a noraboa a todos e a todas as traballadoras do 112 porque, a pesares de todos os intentos, saímos fortalecidos como colectivo destas eleccións sindicais e tamén mellor preparados para enfrontar o traballo nos meses vindeiros. Agora saben que posicións teñen representatividade e cales non.