10.7.08

A Mariña co 112.

Viveirenses asinando en apoio do 112.
Praza Maior de Viveiro, 10.07.2008

Acabados de chegar de Viveiro, a onde nos desprazamos para colocarmos unha mesa informativa, o importante éxito colleitado entre os habitantes da Mariña fai con que nos sintamos cada día máis seguros da importancia das nosas reivindicacións. Durante as conversas coa poboación, usuaria deste servizo público, trasladáronsenos, por unha banda, diversas mostras de apoio e, por outra, as preocupacións polas deficiencias percibidas polos cidadáns na resolución de emerxencias nesta zona mariñá. Por iso explicamos á poboación que as mobilizacións do persoal por unhas mellores condicións laborais inclúen tamén unha exixencia de mellorar as condicións globais do servizo; o motivo é ben simple, ao noso ver: mellores condicións sociais para os xestores de emerxencias repercutirán nun aprimoramento significativo do propio servizo que prestamos e, xa que logo, traduciranse en máis capacidade, mais rapidez e, en definitiva, máis eficacia do que consideramos unha prestación pública primaria.

[Ler máis]

Non podemos, polo tanto, aceptar que a empresa e a administración traten de reducir todas as nosas reclamacións a unha simple cuestión de salario, aínda cando isto non significa tampouco negar a importancia de mellorarmos tamén neste aspecto. As nosas exixencias van máis alá, tal como se lles transmitiu nas diversas reunións mantidas. A resposta que se nos dá é a disposición a negociaren só algúns puntos. A subrogación do 100% ou a regulación da xubilación parecen, porén, temas prohibidos.

A nosa disposición, diante disto, é a de mantérmonos nun bloque compacto, traballando como o vimos facendo nos últimos meses para seguir levando o problema do 112 a toda a cidadanía do país.