18.7.08

Por que non falarmos?


Persoal do 112 na marcha polas ruas da zona monumental compostelá
diante dun numeroso grupo de veciños e turistas
17.07.2008


O persoal do 112 estamos convencidos de que as nosas reclamacións de melloras sociais e salariais son razoábeis. Por iso mantemos o noso calendario de mobilizacións mesmo no verán, mesmo aínda que os altos cargos da Xunta de Galiza marchen de vacacións. O 112, en cambio, é un servizo que funciona ininterrompidamente todos os días do ano; é un servizo público para o que as traballadores e os traballadores reclaman un recoñecemento da parte do goberno autonómico. A exixencia de fondo é, polo tanto, que, sexa recoñecido o noso traballo como un servizo público a todos os efectos mediante a equiparación que levamos meses demandando.

[Ler máis]

Traballadores e traballadoras concentrados
na Praza de Galiza - Compostela
17.07.2008

Iso xustamente é o que reclama nesta manifestación e en todos os actos que levamos a cabo. Atendendo arredor de seis mil chamadas ao día, o persoal do 112 falamos con miles de persoas que nos explican as súas emerxencias e nos piden axuda. É o noso traballo. Porén, polo visto, non podemos falar en serio cos que son, en última instancia, os responsábeis polo servizo. A única alternativa, polo momento, parece ser andarmos a berrar as nosas reclamacións diante da Dirección Xeral de Protección Civil, diante do Parlamento galego ou diante da Xunta, perante unha escolta da policia nacional e autonómica que, por certo, tampouco tiveron problemas en falar connosco. A pregunta é simple: por que non falarmos?


Persoal do 112 concentrado diante do acceso
aos edificios administrativos da Xunta de Galiza
en San Caetano - Compostela
17.07.2008