14.6.08

Xuntanza coa empresa non paraliza mobilizacións

Cidadáns asinando na mesa informativa
na Rúa da Coruña, Carballo
- 112 solución -


Tal como foi anunciado, a xuntanza coa empresa celebrada o venres 13 de xuño ás 10h30 non significa en caso ningún que o persoal do 112 vaiamos parar as nosas mobilizacións e as nosas mensaxes á cidadanía culpabilizando da situación de precariedade, en última instancia, á administración da Xunta de Galiza e á Axencia Galega de Emerxencias.


Á marxe do resultado das conversas coa empresa e das valoracións que realicemos na asemblea xeral do día 17, a nosa decisión foi en todo momento mantermos as actividades programadas, conscientes de que a situación de conflito non terá unha solución inmediata. De feito, as mesas informativas instaladas na última semana en Compostela, Vigo, Carballo e Lugo constituíron rotundos éxitos entre a cidadanía, que non só se sumou a nós por medio das súas sinaturas, senón que ademais mostrou, en moitos casos, un verdadeiro interese en coñecer máis polo miúdo a situación dos traballadores e das traballadoras.