11.6.08

Nota de prensa


O venres 13 teremos a primeiro encontro coa empresa MK Plan 21 e decidimos enviar unha nota de prensa a todos os medios de comunicación para fixar a nosa posición diante desta reunión.

Traballadores /as do 112 reuniranse coa empresa para intentar achegar posicións

A Comisión de Negociación que representa aos traballadores e traballadoras do 112 solicitou hai aproximadamente un mes, unha xuntanza coa dirección da empresa MK Plan 21, que finalmente se celebrará este venres día 13 ás 10:30 horas da mañá en Compostela. MK Plan 21 é a empresa que xestiona o servizo do teléfono de emerxencias 112 e que resultou gañadora do concurso para a súa adxudicación o pasado mes de abril.

Nesta reunión, que se plantexa como unha primeira toma de contacto, os representantes dos traballadores/as exporanlle as súas demandas a esta empresa e preguntaranlle cal vai ser a súa actitude respecto das súas demandas. Porén, o cadro de persoal é consciente de que non existe ningunha solución sen o compromiso da Dirección Xeral de Protección Civil e da Consellaría de Presidencia, de quen depende directamente este servizo.

Nesta xuntanza, haberá que falar, necesariamente, da organización do tempo de traballo, do salario e de medidas sociais que melloren as condicións laborais que até o de agora sofren as/os traballadoras/es do 112.

As mobilizacións iniciadas hai uns meses polo cadro de persoal, que até o momento se centraban na información á cidadanía da situación laboral de precariedade deste servizo non rematarán polo feito de terse concertado esta xuntanza. Moi á contra, está previsto que aumente a intensidade con concentracións programadas para a semana que vén, ás que non se lles porá fin até non ter asinado un acordo satisfactorio.

Isto é así porque xa en dúas ocasións tanto a empresa como a Dirección Xeral de Protección Civil faltaron aos seus compromisos, adquiridos previamente cos traballadores/as. Por iso, desta volta non é posíbel ningún tipo de distensión até non existir unha solución definitiva ao conflito.

Compostela, 11 de xuño de 2008