27.6.08

Reunión coa Xerencia de Emerxencias

A Xerencia da Axencia Galega de Emerxencias ven de convocarnos a unha reunión que se deberá celebrar, en principio, na semana vindeira. A falta de confirmar o día e a hora, temos claro que nesta xuntanza imos explicarlle os motivos que nos levaron a solicitar melloras laborais e salariais e tentaremos tamén que se desbloquee esta situación de conflito. Para isto é evidente que as traballadoras e os traballadores temos que ver tamén cumpridas certas reivindicacións que xa foron postas enriba da mesa en diversas ocasións coa empresa e coa administración.

[Ler máis]

Tamén temos pendente unha nova xuntanza coa empresa para explicarlles polo miúdo a nosa proposta de acordo e continuar a negociación, na que tamén está por confirmar a data. Mentres tanto, tal e como tiñamos anunciado non imos relaxar as mobilizacións e accións de protesta. Así, esta semana estivemos novamente na Praza do Toural de Compostela explicando a situación á cidadanía e recollendo sinaturas de apoio. Neste momento xa temos recollidas máis de 2.500 e síguenos sorprendendo a boa acollida e respaldo que estamos atopando.


A semana próxima temos convocada unha concentración de protesta diante dos Edificios da CRTVG de Bando e está previsto tamén que nos despracemos o xoves a Viveiro a poñermos unha mesa de recollida de sinaturas.