15.5.08

Tras 7 meses de silencio, voltamos!

O caderno da sección sindical do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galiza ponse de novo en marcha como diario das protestas, mobilizacións, negociacións e, en xeral, dos traballos que se levan e se levarán a termo. O principal obxectivo de informar sobre a precariedade laboral a que estamos sometidos os compañeiros e as compañeiras que todos os días traballamos neste servizo.


Coincide cando iniciamos novamente unha campaña de protesta chamando a atención sobre as nosas condicións de traballo e a necesidade de que a administración se implique na solución do problema. Nas dúas ocasións en que o fixemos anteriormente conseguimos que a empresa e a administración se sentaran a negociar. Pero sen embargo temos que recoñecer que até o de agora cometemos o erro de fiarnos tanto da empresa, no seu momento, como da Dirección Xeral de Protección Civil cando nos aseguraba que as novas plicas serían a solución aos nosos problemas. Nas dúas ocasións crendo que era sincera a súa posición aceptamos frenar as protestas xa iniciadas aínda en contra da opinión do propio sindicato.

Trátase, neste momento, de recoñecermos como sección sindical a total inutilidade que constituíu a paralización das mobilizacións que tiñan como fin facermos ver á administración pública a situación de precariedade laboral nun servizo que depende absolutamente dela e non, como se pretende, de subcontratas organizadas co único obxectivo de que este servizo esencial, como tantos outros, resulte barato. Trátase de recoñecer que, malia as reiteradas promesas de mellora para os traballadores, a administración da Xunta de Galiza non avanzou significativamente e que, en tais circunstancias, mantermos as mobilizacións é o que debemos facer.

En diante, a sección sindical do 112 organizará accións de todo tipo encamiñadas a dar a coñecer a nosa realidade, buscar apoios e obrigar á administración a recoñecer a precariedade manifesta do servizo e, xa que logo, desenvolver as capacidades da propia administración para solucionar o problema de xeito claro: non mediante reticencias, divagacións, postergacións ou ameazas, senón por medio dunha negociación seria e responsábel.