10.10.07

Reunión coa Subdirección Xeral de Protección Civil

O venres 28 de Setembro as delegadas de persoal tivemos unha reunión na Dirección Xeral de Protección Civil con Iñaki Bergaretxe para tratar de que definitivamente se implicaran na nosa situación laboral e que entre todas as partes puideramos atopar unha solución xusta.


A reunión foi cordial, e aínda que a nós nos constaba que estaban ao tanto de todo o que pasara no 112, expuxémoslle unha vez máis cal era a nosa situación laboral, as nosas demandas, como foran as negociacións coa empresa, ...

Pola nosa parte indicámoslle que a administración non podía desentenderse da nosa situación laboral por dous motivos:
1. Porque a Administración é a prestadora do servizo e polo tanto tamén responsábel da nosasituación laboral.
2. Porque en todo momento, por boca do e das representantes da empresa na negociación , se nos deixou claro que eles estaban negociando como intermediarios da propia Administración e que nada asinarían se esta non daba o visto bó. Tal é así que os acordos farían efecto ao final desta concesión xa que, tal e como nos indicaban, agora xa estaba todo o orzamento comprometido e xa se fixera o 20% máximo de ampliación sobre a contrata inicial que permite a lei.

Deixámoslle claro tamén que este non era (só) un problema económico e que o principal eran as condición laborais no que ten a ver cos tempos de traballo, descansos, traballo nocturno e os famosos "buscas".

Explicouselles como se desenvolveron as negociación e a actitude impresentable dos negociadores da empresa, mentindo e enganando coa única finalidade de facer pasar o tempo.

Pola parte da Administración boas palabras e un trato educado, algo que tampouco está de máis logo do plante da Directora de Protección Civil cando lle solicitamos unha reunión e do trato chulesco e de total desprecio ás nosas reivindicacións dos representantes da empresa ao final da negociación. Iñaki Bergaretxe mostrou interese e quedou de darnos unha contestación no prazo dunha semán. Desgraciadamente o venres 5 nos confirmou que a Administración "nada pode facer" e que habería que agardar a unha nova plica para incluir melloras.

Esta é unha actitude que non se sostén porque sempre quedou claro que pola nosa parte estábamos dispostas/os a agrdar até ese momento para a posta en funcionamento do acordo, pero o que non é razonable é que teñamos que, unha vez máis, quedar sen posibilidade de negociación a expensas do que a Administración e a/as empresas implicada/as negocien sobre o noso futuro. Agora tócanos decidir se retomamos as mobilizacións para defender que o noso posto de traballo sexa nunhas condicións dignas.