28.5.08

O conflito como problema de tod@s

Tal e como tiñamos anunciado, comezamos unha campaña de información e recollida de sinaturas nas cidades e principais vilas galegas. Nas vindeiras semanas iremos desprazándonos ás distintas localidades para ampliarmos a información sobre o noso conflito e buscarmos a complicidade cidadá. A acollida até o de agora está sendo moi boa e con importantes mostras de solidariedade.



Cidadáns asinando as follas de apoio ao persoal do 112



O martes 27 e o mércores 28 na Coruña e Santiago, respectivamente, comezamos a recoller sinaturas de apoio ás nosas demandas de melloras laborais. A acollida está sendo moi boa e en tan só dous días hai recollidas perto de 500 sinaturas. Ademais, repartíronse máis de 2000 folletos informativos e a nosa delegada, Isabel Moares, foi entrevistada por varias emisoras de radio, que acudiron ás mesas ao igual que diversos medios gráficos, cada vez mais interesados na crecente importancia do conflito.

É de destacar que cando nos diriximos á xente para explicarlles que traballamos no 112 e que solicitamos o seu apoio, atopámonos con que xa coñecen o conflito ou que xa viron pancartas, e notamos moita receptividade ás nosas reivindicacións. Existe máis sensibilización da que mesmo nós podiamos agardar debido a que o conxunto social se sente tamén afectado e comprenden tanto a importancia do 112 como Servizo Público, como a do seu bon funcionamento. Na mesa de Santiago, na Praza Roxa, e a pesar do mal tempo, por momentos había até colas, mesmo aínda que había catro ou cinco persoas asinando a un tempo. Agardamos que tanto a empresa como a Dirección Xeral de Protección Civil tomen boa nota e que saiban que desta vez non imos parar até conseguirmos dignificar o noso traballo.



Persoal do 112 solicitando apoio á cidadanía.
O conflito do 112 é problema de tod@s.


Veciñ@s de Compostela agardando para asinar
mentres conversan con varias traballadoras do 112