31.5.08

O conflito explicado en primeira persoa

Na semana pasada, a campaña informativa do colectivo de traballadoras e de traballadores do CAE 112 foi levada á rúa en persoa. A Coruña, Compostela, Pontevedra e Ourense foron as cidades escollidas para ubicarmos as primeiras mesas, onde o propio persoal estivemos a dialogar sobre os problemas do servizo e a precaridade dos empregados co numeroso grupo de cidadáns congregados arredor das mesas.

[Ler máis para ver o vídeo]



Grazas a este novo paso na información, directa e en primeira persoa, os usuarios da xestión de emerxencias puideron coñecer non só a versión corporativa propia do tándem empresa-administración, senón principalmente a nosa propia versión a respecto das deficiencias que diariamente notamos no traballo e, tamén, da nosa situación laboral. A cidadanía, tanto no Obelisco coruñés, como na Ferradura pontevedresa, na Praza Roxa compostelá e no parque de San Lázaro en Ourense demostrou un interese evidente en coñecer e comprender as mobilizacións que estamos levando a cabo as persoas que xestionamos as emerxencias que día a día os afectan. E proba dese interese xeral, que ademais medra a diario, é a asistencia dalgúns dos principais medios informativos do país.