Vista a situación laboral, no mes de novembro de 2006 os traballadores e traballadoras do 112 acordamos pór en coñecemento do daquela Subdirector Xeral de Protección Civil, Javier Sánchez, a situación laboral na que nos atopábamos. Nesa primeira xuntanza recibimos moi boas palabras, o compromiso de que se terán en conta as nosas demandas e a petición de agardar a que se faga unha avaliación completa das posíbeis deficiencias e erros cometidos na campaña de incendios para pór as medidas necesarias para solucionalos.
Accedemos, solicitando a cambio que se manteña o compromiso de que todas as decisións relativas a este servizo, canto condicións laborais, ampliacións de cadro de persoal e demais –e non só aumento do número de teléfonos operativos- nos sexa comunicada e consultada. Unha demanda á que Sánchez accede.
Sen embargo nada máis sabemos e se produce un cambio na Dirección Xeral de Protección Civil pasando María Esther González Saavedra a ser a nova Directora e contando tamén cun novo Subdirector. Acordamos recorrer novamente a eles diante da ausencia absoluta de contactos. Tras intentar en varias ocasións acordar unha entrevista coa nova Directora e diante da falta de resposta as/os traballadoras/es deciden, o pasado mes de abril, presentarse directamente, tras convocatoria por escrito, no departamento de onde son botados de mala maneira e coa única resposta de que, se algo teñen que dicir, a empresa é a única interlocutora.
Ese mesmo día, apenas unha hora máis tarde, recibimos unha chamada da empresa convocándonos a unha reunión urxente. Nesa xuntanza as representantes da empresa aseguran falar en nome da Administración. Nesa mesma xuntanza solicítannos iniciar un proceso de negociación e defínense as condiicóns da mesma que, para as/os traballadores deben ser:
1. Que os representantes da empresa conten co aval da Administración para chegar a acordos.
2. O que se negocia é un acordo laboral e non un convenio colectivo de empresa. Unha condición imposta pola propia empresa á que acceden as/os representantes das/os traballadoras/es sempre e cando sexa vinculante. A cambio estes/as representantes enumeran os aspectos a tratar nesa mesa de negociación. Aspectos referidos a melloras sociais (xubilación, descansos, licenzas...), condicións laborais (tempos de traballo, limitación e regulamento dos mesmos) e condicións económicas. A empresa acepta en base a un borrador escrito presentado polas delegadas de persoal.
3. Defínense ademais os prazos para levar a cabo esa negociación e para chegar a un acordo, fixando reunións quincenais, ás que asistira Pedro Onieva, Drrector Xeral de Mkplan 21.
Asinan un acta na que pola empresa se comprometen a isto Mercedes Tejero Taboada, Responsábel de explotación Operativa de Mkplan 21, e Ana Cancela Suárez, Adxunta.
Na segunda xuntanza, o 7 de Xuño, as representantes das/os traballadoras/es entregan un documento máis elaborado, xa cun articulado e a empresa comprométese a estudalo coa Administración para comezar a negociación. Asinándose un acta que recolle as bases da negociación e unha frase de compromiso que vinculaba á Administración na negociación e pola que a empresa se comprometía a negociar en nome desta e que o que dicían alí era por boca da propia Administración, xa que "non poderían asinar nada que a Consellería non lles autorizase a asinar".
A seguinte xuntanza non se celebra na data prevista e cando por fin se convoca, o 3 de Xullo, a resposta da empresa é un completo cambio de actitude que consideramos unha burla á vontade negociadora de toda a plantilla. En primeiro lugar rexeitan o 100% das nosas demandas e afirman só estarían dispostos a avaliar un incremento salarial máximo de 200 euros, en función da situación salarial de cada traballador/a.
Imediatamente entendemos que a empresa en ningún momento nos tomou en serio, algo que logo nos confirma o propio Pedro Onieva, e só pretendeu comprar aos traballadores e traballadoras con diñeiro cando desde o inicio lles deixamos claro que o que buscábamos eran unhas condicións de traballo dignas, diñeiro tamén, pero non só.
Realizaronse varias asembleas nas que o persoal da empresa decidiu non aceptar a oferta envenenada da empresa e seguir loitando por un traballo digno e iniciar unha campaña de mobilización e concienciación social sobre as nosas condicións laborais.