Natividade López Gromaz, economista da CIG, e Antonio López Riveira, secretario confederal de emprego |
O informe presentado baixo o título “A realidade laboral en Galiza.
2011, mal ano para o emprego”, pon de manifesto, segundo explicou López
Rivera, que a perda de postos de traballo segue avanzando imparábel,
chegando xa aos 275.000 desempregados/as, segundo os últimos datos do
INE que se deron a coñecer o pasado venres. Un dato que é máis
preocupante aínda cando se constata que “case a metade, non cobran
ningún tipo de prestación”, sinalou.
Especialmente grave é, para o secretario confederal de Emprego, que
os respectivos gobernos, no canto de dinamizar a economía para tratar de
xerar emprego, favorezan o despedimento para así “cando se saia da
crise económica provocar, por medio da rotación, que as cifras de paro
diminúan”. E matiza “falamos de rotación, porque senón é totalmente
inxustificábel que nun ano se xeren 700.000 contratos temporais e que
remate ese ano con 228.000 parados”.
López Rivera explicou ademais que é un erro considerar que o problema
do paro débese á lexislación laboral porque, atendendo aos datos e coa
mesma lexislación, compróbase como no País Vasco e Navarra o paro é do
12%, mentres que en Andalucía chega ao 30% e en Galiza supera o 17%. Por
iso afirma que “non había necesidade de facer nin a reforma que fixo o
PSOE, nin a que acaba de facer o PP” e que “tratar de conseguir a
xeración de emprego a través dunha reforma da contratación é un dos
erros máis grandes que se poden cometer”.
Ao seu entender o obxectivo é que ocorra como en Alemaña, onde “7
millóns de persoas traballan catro horas ao día e así se diminúen as
cifras incrementando dunha forma bestial a precariedade”.
Fronte a isto e tal e como vén defendendo a CIG e “como di calquera
economista con sentido”, as medidas non poden dirixirse a controlar o
déficit público e si cara “intentar xerar emprego e que ese emprego non
sexa precario”. Por iso, entre outras demandou unha reforma da
fiscalidade, para que sexa realmente progresiva; loitar contra a fraude
fiscal; a creación dunha banca pública, para que tanto empresarios como
traballadores poidan acceder a axudas e que se incremente o gasto
social, para que se poida crear emprego. Do contrario, manifestou,
“cremos que Mariano Rajoy se quedou curto, cando dixo que se podían
xerar 600.000 novos parados/as neste ano”.
Situación de crise xeralizada
Para Natividade López Gromaz, os datos de 2011 non se poden analizar
como se fose un ano illado, senón como un ano máis desde que comezou
esta crise, que ten como manifestación máis visíbel a perda de emprego.
Un período no que se perderon 110.000 postos de traballo, pero no que
aumentou o número de parados en 130.000. “Débese á afluencia de máis
traballadores ao mercado laboral buscando un posto de traballo”,
explica.
E isto ocorre, malia deixar de chegar poboación estranxeira e
fundamentalmente porque “a muller, cando o paro se vai alongando, sae ao
mercado de traballo para intentar manter uns ingresos no fogar”,
explica. E isto, segundo López Gromaz, compróbase no descenso de
poboación inactiva, no grupo de mulleres que antes traballaban en
labores da casa.
Para a economista, aínda que a crise é moi xeneralizada e afecta a
todos os sectores, estase cebando máis cuns que con outros. De feito,
subliña que no último ano caeu a ocupación un 1,6% en total, entre os
homes un 2,9%, e entre as mulleres un 0,1%. “Está afectando máis aos
homes e á poboación máis nova, aos menores de 35 anos”, pero porque
tamén están acusando máis a crise sectores como Construción –máis do 50%
do emprego perdeuse neste sector- e Industria. Neste último caso, as
industrias extractivas e madeira e o sector naval.
Respecto da Construción, López Gromaz salienta que a perda de emprego
neste sector “semella que non ten límite por abaixo”, porque, explica,
hai agora mesmo menos ocupados que no ano 1996, antes de comezar o ciclo
expansivo, co boom inmobiliario. E como dato apunta que hai en torno
aos 5.000-6.000 ocupados menos e que, de feito, “no último ano, o 78,5%
do emprego seguiuse perdendo neste sector”.
O emprego que se perde é, fundamentalmente, de poboación asalariada,
aínda que tamén hai moitos empresarios con ou sen asalariados, os
autónomos, que tamén están pechando as súas empresas. De feito, explica,
en conxunto, dos a 110.000 postos de traballo que se perderon nestes
últimos anos, 74.000 son traballadores asalariados e o resto son
empresarios.
Outro fenómeno sobre o que chama a atención e que “seguramente tamén
se deba a esa necesidade de busca de ingresos, é que se están destruíndo
empresas a nome de homes e están medrando o número de empresas cuxo
titular é unha muller”.
Temporalidade e contratos a tempo parcial
Para Natividade López Gromaz tamén é de salientar que non só descende
a poboación asalariada senón que tamén diminúen os asalariados a
xornada completa e aumentan a xornada parcial. “A xornada parcial sempre
foi estivo moi feminizada porque era unha medida de conciliación, a
falta de outro tipo de axudas ou medidas, agora mesmo aínda que seguen
sendo maioría as mulleres, preto do 80%, está medrando moito, un 7,7%,
entre os homes”.
Do mesmo xeito, a economista chama a atención sobre o elevado número
de contratos que se rexistraron en 2011, case 700.000 e da proliferación
de contratos de escasos días e de escasa horas. “De media toca a case
tres contratos por asalariado e ano”, o 50%, de menos de 15 días de
duración.
Tampouco é igual a situación en toda Galiza. “A provincia de
Pontevedra, que está sendo, literalmente machada”, afirma e apunta que o
50% do emprego que se destruíu, foi, precisamente nesta provincia.
A taxa de paro estase disparando e desde o ano 2007 aumentou 10
puntos, pasando dun 7,6% en 2007, a un 17,4% ao remate de 2011. Aumentou
máis a masculina que a feminina. En 2007 a taxa de paro feminina
duplicaba a masculina e agora só hai dous puntos de diferenza. Ademais,
aumentan os parados de longa duración, que a partir dos dous anos xa non
teñen dereito a prestación contributiva. “O 53% da poboación parada
está percibindo a pensión contributiva, o resto subsidio ou a renda
activa de inserción”, di e explica que a diferenza de percibir un tipo
de prestación ou outra, “é menos da metade dos ingresos”.
E matiza que ademais, “está baixando a taxa de cobertura porque o
paro se mantén e vaise incrementando, de forma que tan só o 60% dos
parados están cubertos”. Porén, sinala que a taxa de cobertura, para
calculala, deixa fóra aos que nunca traballaron co cal, de ter a estes
en conta, sería aínda maior. “Estaría en algo máis do 50%, co cal non só
se está perdendo ocupación senón que tamén as condicións económicas da
poboación que perdeu o seu posto de traballo está sendo cada vez máis
preocupante”.