8.2.12

CIG convoca Folga Xeral



No día de onte, 7 de febreiro, a Conferencia Sindical Nacional da CIG aprovou por aclamación a convocatoria de unha folga xeral para os últimos días de marzo. Deste modo, a CIG é o primeiro sindicato que convoca unha resposta do conxunto da clase traballadora para protestar, por unha banda, contra o acordo alcanzado por CC.OO. e UGT coas patronais CEOE e CEPyME, e, por outra, para oporse á reforma laboral que nos próximos días aprovará o governo de Rajoy en Madrid e que afondará na liña regresiva de dereitos sociais e salariais que as últimas reformas xa tiñan iniciado. Tal como asinala o secretario nacional, Suso Seixo, “Tampouco debemos de esquecer que teñen previsto aprobar no mes de marzo os orzamentos xerais para 2012, que contemplará importantes recortes do gasto público xa que pretenden reducir o déficit en 40.000 millóns de euros”. 

Os acordos pactados por UGT e CCOO e a reforma de Rajoy, e tamén os recortes en servizos e prestacións sociais que irán incluídos nos orzamentos do Estado non teñen nada que ver coa crise, senón co aproveitamento que os mercados e as grandes empresas están a sacar dela, e por iso non poden deixarnos indiferentes nen á marxe. Porque aínda nos queda dignidade, protestamos!