Antonio Fontenla e Núñez Feijóo |
Xa hai tempo que avanzábamos que esta crise estaba a servir de coartada para transferir nichos de mercado do sector público para o privado, favorecendo así a concentración de capital nas mans duns poucos, e socializando as perdas. Houbo quen dixo que éramos uns apocalípticos, pero, tristemente, o tempo parece darnos a razón cada día que pasa.
A patronal galega (CEG) acaba de enviar ao presidente de Xunta un documento coas súas receitas para reactivar a economía. Nese documento, propoñen, sen rodeos, privatizar os servizos públicos que mais custan á Xunta, eliminar os "prescindíbeis", rebaixar os impostos ás empresas, que as empresas privadas participen na xestión dos servizos, como, por exemplo, dos hospitais, e introducir o copagamento naqueles sectores do público máis conxestionados, isto é, fundamentalmente na sanidade, pero non só. En total, segundo informan algúns medios, un total de 140 medidas nesta liña que foron entregadas nun acto privado entre Antonio Fontenla, o presidente da CEG, e Núñez Feijóo, e do que nada se soubo até que esta semana a propia CEG fixo público o encontro.