Antolín
Alcántara, secretario confederal de negociación colectiva asegura que
“estamos ante o maior ataque da historia aos salarios da clase
traballadora”
A CIG manifesta a súa máis enérxica e rotunda oposición á cesión de
CCOO e UGT ante as demandas da patronal, asinando un acordo polo que os
incrementos salariais deixarán de calcularse en función do IPC como se viña
facendo até o de agora. O secretario confederal de Negociación Colectiva,
Antolín Alcántara considera que estamos “ante o maior ataque na historia aos
salarios da clase traballadora”.
Segundo as previsións de organismos internacionais, a inflación acumulada nos próximos dous anos no estado español será do 4%. Fronte a este incremento do IPC e, segundo o pactado por CCOO e UGT, os salarios só medrarán, neste ano un 0,5% e para o próximo un 0,6%. Se a isto se lle engade o incremento salarial pactado por estas centrais sindicais para 2011, de tan só o 1% e que a inflación foi superior, a perda salarial destes anos acadará o 4,1%.
O salario medio en Galiza é de 18.000 euros. Segundo os cálculos da
CIG, ao medrar a masa salarial por debaixo do IPC, as traballadoras e
traballadores perderán, en catro anos, nin máis nin menos que 3.000 euros.
Alcántara considera que se trata dunha cantidade “espeluznante” que,
“en virtude de non se sabe que autoridade e en representación de quen, CCOO e
UGT acordan sustraerlle á clase traballadora en favor da patronal”.
O secretario confederal de Negociación Colectiva afirma que este
acordo terá gravísimas consecuencias nas condicións de vida das traballadoras e
traballadores, provocando un empobrecemento da clase traballadora.
Flexibilidade
CCOO e UGT non se limitan a reducir os salarios. Tamén lle outorgan ao
empresariado a potestade para axeitar a xornada ás súas necesidades
introducindo unha flexibilidade do 10% e discrecional do 5%.
Alcántara advirte que, en total, son aproximadamente 20 días de
flexibilidade ao ano nos que o empresario poderá aplicar unha xornada conforme
lle conveña e os traballadores non verán suxeita a súa xornada a ningún
criterio estabelecido. “Non terán unha xornada estábel, non se saberá cando
teñen que traballar e cando teñen que descansar. Isto afectará especialmente
aos traballadores temporais, cun contrato de varios meses, que van traballar
máis días dos que lle corresponden nun período e non poderán recuperar todos
eses días traballadores por decisión patronal”.
Descolgue
Alén de asinar unhas condicións salariais e laborais “miserentas”,
CCOO e UGT pactan a posibilidade de descolgue na aplicación do convenio en
todos eses dereitos, sempre que se considere que a súa aplicación pode afectar
á súa competitividade. “Deixan aos traballadores e traballadoras vendidos
completamente á patronal”.
Diante desta situación, Alcántara asegura que CCOO e UGT están
atendendo máis aos seus intereses, “para manter os privilexios derivados do
diálogo social, nunha actuación sen precedentes que implica sacrificar á clase
traballadora”.