15.12.11

Novo exemplo de especulación coas emerxencias


Velaquí mais un exemplo do modo como a especulación se ten introducido nos servizos de atención de emerxencias grazas a empresas que proveñen do ámbito do telemarketing. O Sistema de Emergencias Médicas (SEM) de Andalucía está xestionado pola empresa Arvato Qualytel, que desde a súa chegada reduciu o persoal do servizo en 40%, pasando de 280 a 167 empregados e facendo con que o número de chamadas por operador e día, que antes eran de 80-100, se duplicase. A compañía tratou de xustificarse aducindo que moitos dos traballadores non posuían o perfil profesional que se exixía, malia o cal moitos deles levaban máis de 5 anos prestando servizos no SEM. Despois dos protestos reiterados dos traballadores, o mércores pasado os directivos do SEM aseguraron que o servizo 061 funcionaba con absoluta normalidade, pero ao día seguinte, xoves, presentáronse no centro para coñecer que tiña acontecido cos centos de chamadas que non foran atendidas, motivo polo que Qualytel tivo que incorporar de urxencia a 25 operadores despedidos e contactar con algúns que estaban de vacacións con tal de cubrir un servizo que, pola súa pésima xestión, tiña quedado claramente desatendido e inoperativo. O problema, en calquera caso, continúa despois desta recuada da empresa, e malia que os directivos do SEM aseguren que non hai de que alarmarse. En fin: claramente, hai que se ir preparando.