Alerta de que unha maioría absoluta do PP "vai empeorar aínda máis" a situación, porque afondará nas políticas de recorte de dereitos e gasto social aplicadas polo PSOE.
A Confederación Intersindical Galega considera que nunha situación
económica e social como a actual, os resultados das eleccións do 20-N cobran
especial importancia, como tamén “a quen lle deamos o noso voto”. Por iso, a central
sindical fai un chamamento aos traballadores e traballadoras a participar
activamente nestes comicios “apoiando e votando a aquelas forzas políticas que,
na rúa ou nas institucións, estiveron connosco loitando contra as medidas
políticas tan antisociais e antiobreiras e defendendo un novo modelo económico
e social máis xusto, solidario e democrático”.
A CIG alerta de que o PSOE no Estado e o PP en Galiza convertéronse
nos grandes defensores deste sistema capitalista neoliberal e aplicaron
fielmente as políticas que, en materia laboral, social, económica ou fiscal
lles marcaron o Banco central europeo, o Fondo Monetario Internacional ou a
Comisión Europea, institucións todas elas ao servizo dos intereses da
oligarquía española e europea.
Xunto a isto, advirte da posibilidade de que o PP poida gañar as
eleccións do 20-N por maioría absoluta, o que non só non vai mudar esta
situación senón que a vai empeorar aínda moito máis para a clase traballadora,
“pois van incidir e afondar nas políticas de recorte de dereitos e do gasto
social levadas adiante polo PSOE no Estado”.
Programa do PP
Para a CIG, as medidas que se apuntan no programa do PP, “aínda que
pretendan disimulalo”, van dirixidas a dar máis facilidades ás empresas para
despedir, máis contratación temporal, redución de salarios, xornada laboral
máis flexíbel, recorte do dereito de folga, prioridade dos convenios de empresa
sobre calquera outro ámbito, recorte dos impostos ás grandes empresas e ao
capital, recorte do gasto público e privatización do ensino e a sanidade,
redución das prestacións por desemprego... “Isto é o que nos agarda aos
traballadores e traballadoras se gaña as eleccións o PP, a mesma política que o
PSOE, pero máis cargada de bombo”, alerta.
Lembra que en Galiza temos experiencia de sobras de cal é a política
do PP e os intereses de clase que defende: recorte das prestacións sanitarias e
farmacéuticas ás persoas sen recursos, colaboración coa patronal nos EREs,
supresión de servizos sociais, recorte do gasto no ensino e na sanidade
pública, abandono dos nosos sectores produtivos, entrega da caixa de aforros á
banca privada, persecución do idioma galego, autoritarismo, antigaleguismo e
submisión ao poder central e á oligarquía española.
Ante isto afirma “o noso voto é moi importante” subliñando que “a maioría
dos/as deputados/as e os/as senadores/as do Parlamento español, co seu voto,
aprobaron as leis responsábeis do recorte de dereitos laborais e sociais
conquistados pola clase traballadora tras moitos anos de loita”.
Por iso, reitera a necesidade de participar activamente, porque “a
dereita si que o vai facer” e chama a votar forzas políticas galegas,
nacionalistas e de esquerdas”.