18.8.11

Continúa o menosprezo do PP polas emerxencias


O do Partido Popular co tema das emerxencias non dá respiro. Cada día sorpréndenos cunha nova diferente, orixinal, que sería incluso graciosa se non fose polo triste e indignante que na realidade é. E a última, nesta ocasión, provén dun tema que denunciou Xornal de Galiza e do que nós nos fixemos eco: aquilo do señor Conde Roa tentando  presumir de poderío diante dos técnicos da Copa Davis, levándoos en helicóptero á Cidade da Incultura. O malo é que o helicóptero en cuestión estaba de servizo: tanto así que no medio da intrépida expedición tivo que deixar os señoritos no Gaiás para desprazarse a Silleda, onde se producía un incendio forestal deses que a Xunta non considera importantes e ten a ben ocultar. 

E, claro, a xente pregunta. Ten esa teima: ser curiosa e preocuparse de onde se meten os diñeiros dos seus impostos, gastados á toa en pagar empresas privadas de emerxencias que despois se dedican a pasear alcaldes e técnicos. E Conde Roa négase a contestar: "Yo comento noticias serias, no chascarrillos" que é tanto como dicir  aquilo de "quítame allá esas pajas". Total, como a loita contra os lumes forestais está tan sobrada de medios... Pois menos mal que a Davis se foi de Compostela levando consigo o seu delirio de 2 millóns de euros en gastos, porque se chega a celebrarse no Gaiás, o alcaldiño é capaz de sacar peito e todo e tomar como costume ese chascarrillo de usar os helicópteros de Seaga. 


Actualización | Xornal de Galicia, 19 de agosto.

O BNG pedirá "explicacións" polo uso de Conde Roa dun helicóptero contraincendios. Rafa Villar, edil do BNG de Santiago, cualificou onte como “aberrante” o uso por parte do Concello de Santiago dun helicóptero contraincendios para trasladar á Cidade da Cultura ao alcalde, o popular Gerardo Conde Roa, xunto a técnicos da Copa Davis o pasado 26 de xullo. Nesas datas o Gaiás optaba a ser sede da semifinal do torneo de tenis entre Francia e España, aínda que finalmente Córdoba foi a cidade elixida para celebrar ese evento deportivo. “Parécenos lamentable ese uso dun medio destinado a combater os lumes en plena campaña de máximo risco de incendios”, indicou o nacionalista, que pedirá “explicacións” ao respecto.