Mulleres protestando contra a Lei da Familia do PP no Parlamento de Galiza, antes de seren desaloxadas. / Foto: Xoán Rei |
Nun servizo esencial como o 112, onde a maioría do persoal que xestiona as emerxencias son, de feito, mulleres, o único que podemos expresar é o noso desprezo absoluto por esta lei e polas crenzas que, acreditando tradicionalmente na inferioridade da muller a respeito do home, pretende volver estabelecer esquemas que custou anos superar. Temos claro que, se as mulleres conseguiron o recoñecemento do seus dereitos logo de séculos de discriminación, foi grazas ao seu activismo e resistencia. As mulleres demostraron ao longo deste tempo que non precisan de figuras paternas, do marido, nin sequera do estado, para acadar a súa independencia e foron quen de demostrar que ser nais é unha opción que só elas poden escoller.
Polo tanto, opómonos a unha lei que discrimina e reclúe a muller, que discrimina e desampara o colectivo LGBT, que desampara e re-criminaliza socialmente o aborto, e que se opón, no seu espírito, ao traballo feminino. No 112 somos unha maioría de mulleres demostrando que podemos facer calquera traballo tan ben como calquera home.