Hai só uns días dicíamos aquí que Telemark tiña tomado a decisión de participar nas eleicións sindicais que están marcadas para o día 14 de febreiro, e tamén que, ao incluír no censo 10 persoas da estrutura da empresa e mesmo da súa dirección, o seu obxectivo era, de entrada, dobre: por unha banda, apresentar unha lista propia da empresa e, por outra, incidir claramente no resultado eleitoral através do voto desas 10 persoas a mais que introduciran previamente no censo.
O escandaloso da situación non é só iso, senón o papel que a UGT está a xogar neste proceso – non porque queira apresentar unha lista alternativa á da maioría do persoal do 112, xa que está no seu pleno dereito, senón por se converter claramente nunha ferramenta de Telemark e por se prestar a defender os intereses da empresa tentando dificultar o proceso desde o inicio. O seu obxectivo é enzoufar o que debería ser un procedimento ben claro e áxil, e atrasar todo o posíbel a data das votacións para que Telemark teña tempo de influír no sentido de voto dos compañeiros que teñen unha situación laboral máis precaria e poida, ao mesmo tempo, ternos paralisados neste proceso en lugar de permitir que nos ocupemos de exixir unha solución ao conflito que temos acima da mesa. E para lograr iso, primeiro puxo en cuestión a maneira de proceder e a honorabilidade das persoas que fan parte da Mesa eleitoral, acusándoas de estaren influenciadas pola CIG á hora de elaboraren o calendario; e agora impugna a decisión da mesma Mesa de excluír do censo de eleitores todo aquel persoal que non cumpre os requisitos legais para emitir o seu voto ou que negocia “con amplos poderes” as condicións dos traballadores e das traballadoras do 112.
Isto significa que na próxima semana, tanto a Mesa como todos os sindicatos terán que acudir á Coruña para que un árbitro imparcial diga se o proceso debe continuar con plena normalidade –que é o que nós desexamos– ou se hai que atrasar algunha data, que é o que tanto UGT como Telemark pretenden. Desde a sección sindical da CIG no 112 só agardamos unha resposta que dea a razón á Mesa eleitoral, que deixe claro a Telemark que non pode influír no resultado das votacións através de subterfuxios e manobras estrañas en colaboración coa UGT, e que asegure que unicamente podan votar para escoller os seus representantes sindicais aquelas persoas que verdadeiramente traballan no 112.