
A situación dos traballadores e das traballadoras do 112 é cada día máis comprometida pola deficiencia nos equipamentos de que dispoñen para realizar o seu traballo. Xa non é que a plataforma de telecomunicacións sexa claramente mellorábel. É que nos últimos temos o mobiliario e o material de traballo se ten deteriorado tanto que a situación comeza a ser insostíbel. De feito, esa é a idea que se lle trasladou ao novo responsábel pola DXEI, Santiago Villanueva, que nunha recente visita ao CAE puido comprobar a situación lamentábel en que temos que desenvolver o noso traballo.
A situación chega incluso ao ridículo. Non pode dicirse máis claro: se non se pon remedio inmediatamente, o persoal do 112 vamos ter que realizar o noso traballo de pe. A carencia de asentos, porén, é só o máis evidente. A sala de emerxencias é pequena de máis, está mal ventilada e peor climatizada - producindo problemas constantes coa temperatura e coa humidade ambiente. E, inclusive, as condicións dos vestiarios, da sala de refresco e incluso a seguranza que se lle exixe a centros como no que traballamos son altamente deficientes.
Ao noso ver, aquí conflúen dous problemas. Por unha banda, hai un evidente problema de espazo físico, que agardamos que se solucione coa provisión de novas instalacións conforme a lexislación e o sentido común. Pero, sobre todo, hai unha deixadez manifesta no que se refire ao mantemento do material e o mobiliario por parte da empresa, que se escusa continuamente dicindo que é un problema da administración. Non é certo. A empresa debe prover o material para o desemprego das tarefas, neste caso, de atención ás emerxencias. Se ese material lle chega a través da Xunta xa non é cousa dos profesionais que traballamos aí. E non estamos dispostos a seguir sufrindo problemas de saúde polo ambiente do lugar de traballo ou polo estado do mobiliario. É por iso que temos solicitado xa varias veces unha reunión do Comité de Seguridade e Hixiene para que esta situación se solucione canto antes. A reunión hase celebrar finalmente o 1 de xullo, pero énos imposíbel por moitas esperanzas nela. A empresa coñece perfectamente o problema e non fixo nada aínda. Que había de mudar despois desta reunión?