Despois da reunión que mantivemos onte cos novos responsábeis políticos do 112, as sensacións que temos son moderadamente optimistas.
Quedou demostrado na práctica a ineptitude dos anteriores responsábeis políticos do 112, porque nada costaba manter as boas formas e as boas relacións. En lugar diso, arranxaron negándose a falar e sacando comunicados de prensa absurdos e infantís. E tamén se demostrou que a nova administración, cando menos polo dito hoxe, ten vontade de solucionar o que o propio PP provocara hai xa anos ao privatizar o 112. Entenden, como nós, que se trata dun servizo público esencial, e que nel se dan unhas carencias (materiais, de persoal, de dignidade laboral, de estabilidade...) que poden ser resoltas con vontade. E, polo visto, están dispostos a facelo. De entrada, xa se teñen posicionado en varias ocasións a prol da subrogación - hoxe reafirmouno Santiago Villanueva, o Director Xeral de Emerxencias e Interior, que ademais dixo ter a intención de que o seu departamento non repetise a actitude da anterior Dirección Xeral de Protección Civil, que se desvinculara do CAE-112 para sorpresa de todos.
Ademais, remitímoslle un documento onde se explican os acordos e preacordos alcanzados coa empresa a respeito dos tres puntos esenciais das nosas reivindicacións, que non mudaron co cambio de goberno, como tamén lle explicamos. O seu compromiso é estudar a viabilidade das propostas, que considera razoábeis e xustas, e suxerir a solución do conflito á nova Consellaría de Presidencia, agora dirixida por Alfonso Rueda. Agardarmos, como tamén comentamos na xuntanza, que a pronuncia non se faga agardar demais, e que, aínda que o acordo non poida entrar en vigor até o novo concurso, se asine o antes posíbel para recuperarmos a estabilidade mínima no 112.