8.12.08

Precariedade nas ferramentas do 112 (I): Xeolocalización



No transcurso de varias das visitas que levamos a cabo entre os medios que colaboran activamente co Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galiza, unha das cousas que máis estrañeza causab é o feito de que os soportes tecnolóxicos de que tanto presumen os responsábeis políticos son, como norma, altamente deficientes e mesmo contraproducentes en certos casos. Os responsábeis por esta precariedade de medios son, por suposto, a Dirección Xeral de Protección Civil, dirixida por Esther González Saavedra e a Axencia Galega de Emerxencias - AXEGA - dirixida por Francisco Echeverría Iriarte.

[Preme en ler mais para veres o resto da entrada] 


As críticas do persoal que día a día opera con este material de traballo son unánimes: a xestión das emerxencias non ten nada a ver con aquela fermosa paisaxe futurista que pintara no seu día a Directora Xeral Ester González Saavedra, onde as emerxencias, grazas á tecnoloxía, parecían quedar resoltas por arte de non se sabe o que. A dicir dela, o traballo dos operadores é practicamente testemuñal, como ben recolle o convenio no que nos achamos incluídos contra a nosa vontade, por certo, o mesmo co que as empresas de televenta tentan que merquemos seguros, potas, enciclopedias ou viaxes. 

Para o 112, un software eficaz é fundamental. No canto diso, o que temos son equipamentos rudimentarios e pouco fiábeis. Cando se produce unha emerxencia, o primeiro traballo é de localización. Para iso, o 112 conta cun sistema de xeolocalización (GIS) que debería poder localizar as chamadas inmediatamente e cun alto grao de precisión. O que temos, porén, é un programa que para localizar as chamadas remite a antenas repetidoras de telefonía, o cal xa é un problema pola diferencia de número entre as zonas urbanas e as zonas rurais. Así pois, non se dá unha cobertura uniforme do territorio e, a maior parte das veces, o resultado é que un chamante pode estar, segundo o programa, até en cinco ou seis concellos. Esa é toda a precisión. Outra cousa é cando o sinal da antena é tan feble que o software non é capaz de rastrexalo: nese caso, o persoal que xestionamos as emerxencias atopámonos absolutamente a cegas. O habitual é solventar o problema cunha morea de preguntas de localización. Pero, que é o que pasa cando o alertante está desorientado, é un visitante, é a primeira vez que está ali ou, simple e loxicamente, está demasiado nervoso? O que pasa son dúas cousas: 1º) que a localización é deficiente, por mais que tanto o operador como o chamante teñan toda a vontade de colaboración; 2º) que o chamante ten a sensación de que a axuda vai tardar e que, pola súa parte, o operador recibe unha carga adicional de extress porque sabe que o resultado do seu traballo está a resultar deficiente, aínda cando cumpra perfectamente todos os protocolos de actuación. Téñase en conta ademais, que, cando o alertante é transferido ao primeiro dos organismos que deben ser informados, o operador que atendeu a petición de socorro recibirá a seguinte chamada inmediatamente (en ocasións, con marxes de só 3 segundos entre ambas as alertas): unha situación nova coa que o proceso debe comezar de novo. No 112, pois, andamos tamén preocupados coas nosas ferramentas de traballo e coas diferenzas que xeran entre a poboación das vilas e cidades e a das zonas rurais, que, como é costume, quedan discriminadas. E andamos tamén preocupados con que as mentiras futuristas dos responsábeis políticos do servizo enturpen o recoñecemento da profesionalidade que cada día desenvolvemos.