20.6.08

Marcha e concentracións por un traballo digno


As traballadoras e traballadores do 112, iniciamos na mañá deste xoves 19 de xuño, as mobilizacións, logo de varias semanas desenvolvendo unha campaña informativa por toda Galiza que tiña como obxectivo dar a coñecer a súa situación laboral e recoller sinaturas de apoio. Foi unha peregrinación desde Protección Civil até San Caetano, en demanda de ser escoitadas/os tamén pola administración.

[Ler máis]

Ás 12 da mañá concentrabamonos diante da Dirección Xeral de Protección Civil, no Polígono das Fontiñas, en Compostela, e iniciamos unha marcha até a Xunta de Galiza en San Caetano coreando consignas reivindicando un traballo digno, a equiparación salarial co persoal laboral da Xunta e sinalando a culpabilidade da Xunta neste conflicto. Os manifestantes levábamos ademais unhas camisetas con lemas alusivos ao conflito.




Ao chegar ao edificio administrativo concentrámonos novamente, primeiro diante da entrada principal, onde dúas das delegadas de persoal entregaron, no Rexistro Xeral, unha solicitude dirixida ao Conselleiro de Presidencia, Xosé Luis Mendez Romeu. Un escrito no que se demanda unha reunión urxente para que o conselleiro se posicione sobre este tema.



A partir de aí dirixímonos até a rotonda de San Caetano que se rodeou con pancartas reivindicativas. Á espera da contestación de Méndez Romeu, de momento xa conseguimos o apoio da estatua do peregrino, que tivo a ben sumarse ás reivindicacións das traballadoras e traballadores vestindo unha camiseta de apoio. Alí permanecemos até as dúas da tarde repartindo folletos informativos e recollendo máis sinaturas.

Destacar a importante presenza de medios de comunicación durante o percorrido e as entrevistas con Radio Nacional, Radio Líder ou a Cope. Un dato curioso e case cómico foi a presenza dun policia "secreto" merodeando durante a nosa estancia en San Caetano. Tampouco é de estranar, por outro lado, tendo en conta que os manifestantes iban armados cun perigoso tambor de case 80 cm de diámetro.





Con esta xornada inicianse as mobilizacións, que non remataran até que se asine un acordo que poña fin defintivamente a este conflito laboral. Até o de agora, desde hai dous meses, as accións de protesta estaban centradas en dar a coñecer a situación do 112 á cidadanía galega, potenciais usuarios e usuarias do servizo. Até este momento colocáronse máis de 150 pancartas por todo o país e recolléronse sinaturas en varias cidades e vilas galegas destacando a grande acollida recibida. Estivemos xa recollendo sinaturas en A Coruña, Lugo, Santiago, Vigo, Ourense, Pontevedra ou Carballo.

Así as cousas, os traballadores e traballadoras continuaremos presionando á Admnistración para conseguir que se adapten as condicións laborais do 112 ao que realmente é: un servizo público básico.