Hoxe, coincidindo coa emisión da entrevista en Radio Líder centrada no conflito laboral do 112, o xornal dixital Avantar recolle tamén as reivindicacións dos membros deste servizo público e a decisión de todos nós a mantermos unhas mobilizacións estábeis até a resolución do conflito. Os reiterados incumprimentos da administración, así como a posición confusa da empresa concesionaria da subcontrata nas negociacións levadas a cabo até o de agora son citados como motivos para retomarmos as accións que estamos a levar a termo, tamén recollidas polo xornal.
Nos próximos días, á colocación de máis de 70 pancartas e centos de cartaces, e ao envío de cartas informativas aos medios cos que habitualmente colaboramos, sumaremos novo material gráfico e mesas informativas en diferentes puntos do país. O obxectivo deste traballo é levarmos o problema á rúa para que a cidadanía poida coñecer unha situación que é negada unha e outra vez por unha administración obviamente interesada. Até o momento, o éxito das nosas mobilizacións ven referendado pola aparición das mesmas en medios de todo tipo, desde emisoras de radio a medios dixitais e xornais en papel.