
Pero non pasa nada. Ao contrario: a Xunta continúa a pensar que as emerxencias son un tema menor e molesto, e prefere non xestionalas. Á privatización continuada de servizos como as propias brigadas, o 061, o 112 e outros através de chiringuitos e fundacións escuras como a AXEGA, a Fundación 061 e Seaga, únese a constante restrición de medios humanos inclusive naqueles departamentos que "aínda" dependen do governo galego. Aí van soamente dous exemplos desta última semana: por unha banda, segundo ven de denunciar a CIG onte mesmo, a Xunta procederá á supresión de cinco ambulancias do 061 que atendían os concellos de Baiona, Ponteareas, Marín e Vigo, e tamén a comarca da Mariña lucense. Por outra banda, axentes da UPA de Ourense, onde onte mesmo se rexistraron graves incendios que obrigaron a decretar o nível 1 de alerta, queixáronse da escaseza de persoal e de que, precisamente onte, só houbo sete axentes pola mañá e dez pola tarde para atender as tarefas de prevención e investigación de lumes de toda a província.
E, mentres tanto, os medios de información ao servizo do PP, nomeadamente La Voz de Galicia e El Correo Gallego, a faceren propaganda barata con pallasadas do tipo "Guerra total de Rueda y Juárez para acabar con los incendios". E non falemos xa de que Medio Rural se nega a informar de calquera lume que non supere as 20 ha. De modo que "Guerra total". Xa se ve.